Saturday 04 de May de 2024

O xoves 10 de novembro poñeranse á venda as entradas para o concerto de Joaquín Sabina no Coliseum


O concerto do 2 de xuño de 2023 na Coruña será o único que ofreza en Galicia

As entradas poderanse adquirir a través das webs www.jsabina.com e www.contratodopronostico.com

Desde o xoves 10 de novembro poderán adquirirse as entradas para o concerto que Joaquín Sabina ofrecerá en xuño de 2023 no Coliseum. A venda anticipada realizarase a partir das 12.00 horas a través das webs www.contratodopronostico.com e www.jsabina.com.

A Coruña será unha das citas de Sabina dentro da súa xira ‘Contra todo pronóstico’, coa que retorna aos escenarios. Será o 2 de xuño de 2023, unha vez concluída a súa serie de recitais por diversos países americanos.

‘Contra todo pronóstico’ desenvolverase na súa primeira parte durante febreiro e marzo en Colombia, Perú, Chile e Arxentina, para rematar en abril en Montevideo. O día 20 de abril iniciará a súa xira en España, cun concerto nas Palmas de Gran Canaria, chegando á cidade da Coruña en xuño despois de actuar en Santa Cruz de Tenerife, Málaga, Alacante e Madrid, para proseguir con concertos en Palma de Mallorca, Valencia, Bilbao, Murcia, Sevilla, Granada, Pamplona, Barcelona e Zaragoza.

Por tanto, o concerto de Joaquín Sabina na Coruña será o único que desenvolva en Galicia e no noroeste de España. Desta maneira o Coliseum e a cidade da Coruña volven converterse en referencia musical ao acoller un dos concertos máis agardados e emotivos para o público no vindeiro ano.

Despois dos trece concertos que celebrará en España, Sabina continuará a súa xira por diversas cidades de México e Estados Unidos, con seis actuacións xa confirmadas en outubro e novembro do próximo ano.

O título da súa xira, ‘Contra todo pronóstico’, responde á súa decisión de retornar aos escenarios aos seus 74 anos para deleite do seu público e del mesmo. Desta maneira, Sabina remata o seu recente período a porta pechada e volve aos directos e ao contacto co público.